• As novas liñas están enfocadas á mellora da competitividade empresarial a través dos centros tecnolóxicos de Galicia
  • A Xunta Directiva de ATIGA e a directora de GAIN, Patricia Argerey, reúnense en Vigo para analizar as políticas e os programas de innovación impulsados pola Xunta de Galicia, así como as actuacións desenvolvidas polos centros tecnolóxicos
  • O intercambio de información e o fortalecemento da colaboración público-privada en I+D+I son un factor clave para a mellora da competitividade empresarial

 Vigo, 16 de xaneiro de 2018.- A Xunta directiva de ATIGA, a alianza integrada polos seis centros tecnolóxicos galegos de ámbito estatal (AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, ENERGYLAN, GRADIANT e ITG), encabezada polo seu presidente, Juan M. Vieites, mantivo esta tarde unha reunión coa directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, na que se analizaron de forma conxunta a implantación de estratexias e programas de innovación eficientes por parte da Xunta de Galicia, así como as actuacións desenvolvidas polos centros tecnolóxicos galegos para impulsar o crecemento e a competitividade das empresas da nosa comunidade.

Nesta xuntanza, celebrada na sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo, avanzouse tanto en temas de actualidade da I+D+I en Galicia como nas perspectivas de futuro do sistema galego de I+D+I ata 2020, aproveitando ademais para abordar distintas iniciativas conxuntas entre GAIN e ATIGA, que van dende o desenvolvemento da Industria 4.0 ata as accións para internacionalizar o sistema galego de innovación.

Este tipo de reunións periódicas entre o Goberno Galego e ATIGA teñen como obxectivo o intercambio de información e o fortalecemento da colaboración público-privada no ámbito da I+D+I, facilitando con isto unha mellora da competitividade empresarial e un mellor posicionamento nos mercados. De feito, a colaboración coas Administracións Públicas e, especialmente, coa Xunta de Galicia, é un dos obxectivos estratéxicos para ATIGA. A Alianza dos centros tecnolóxicos considera que o esforzo coordinado entre todos os axentes é a clave da I+D+I, o elemento que permite avanzar de forma sólido e decidida no camiño da innovación e da competitividade.

 

A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia 

ATIGA é a Alianza Tecnolóxica Intersectorial dos Centros Tecnolóxicos Galegos de ámbito estatal. Os seis centros que a integran suman esforzos para acadar unha maior cooperación que lles permita contar con niveis superiores de competitividade no mercado e alcanzar, entre outros obxectivos, a excelencia tecnolóxica e a participación conxunta en grandes proxectos consorciados, así como en plataformas e foros tecnolóxicos. A Alianza traballa coa vocación de favorecer novas oportunidades de actuación no ámbito internacional e mantén o compromiso coa creación e a consolidación en Galicia de emprego cualificado, estable, de calidade e con futuro.

En 2017, ATIGA acadou un volume de ingresos agregado de máis de 55 millóns de euros mediante a prestación de servizos tecnolóxicos e de I+D+I a máis de 1.750 empresas e conta cun equipo humano composto por máis de 900 traballadores altamente cualificados: doutores, enxeñeiros e tecnólogos. En relación ao exercicio 2016, incrementou a súa facturación un 4,5% e un 2,5% en termos de emprego, o que vén demostrar a fortaleza dos centros tecnolóxicos galegos como principais axentes dinamizadores da I+D+I empresarial e o seu compromiso coa creación e consolidación na nosa comunidade de emprego cualificado, estable, de calidade e con futuro.

Durante 2017, os membros da Alianza executaron 321 proxectos de I+D+I e son, ademais, titulares dun total de 70 patentes, propias ou en colaboración con empresas. No eido internacional prestaron servizos tecnolóxicos e de I+D+I en 27 países diferentes.