A automatización industrial (do grego clásico auto, que significa “guiado por un mesmo”) consiste no uso de sistemas ou elementos computerizados e electromecánicos para fins industriais. O conxunto destes sistemas complexos e sofisticados implican cada vez máis compoñentes e interconéctanse [₁] cada vez máis augas arriba, cara aos sistemas de xestión empresarial. Os robots son un elemento protagonista da automatización. O termo robot popularizouse co éxito da peza teatral R.U.R. (Robots Universais Rossum), escrita por Karel Čapek en 1920. Na tradución ao inglés da devandita obra, a palabra checa robota, que significa “traballos forzosos” ou “traballador”, foi traducida ao inglés como robot.

A consolidación da automatización e a robótica son imparables, igual que o foron a imprenta, a tractorización ou a auga corrente. Hoxe en día as persoas xa non podemos competir en velocidade e forza coas máquinas, e ademais non ten sentido. Nas habilidades brandas (as máis humanas) as máquinas non poden competir connosco, e talvez sexan as profesións vinculadas a elas as que hai que potenciar máis. Entre o físico e as habilidades brandas existe unha habilidade intermedia que resulta fundamental: a destreza. Hai certos procesos en que a destreza humana é mellor ca a das máquinas e isto acentúase se traballas cunha materia prima viva, heteroxénea e delicada. Este é de feito o principal reto da automatización en sectores como o agromaralimentario: crear sistemas que sexan máis capaces e máis destros mantendo un prezo competitivo.

Socialmente está cada vez mellor vista a implementación de sistemas automatizados, e os referentes internacionais máis importantes como o Foro Económico Mundial [₂] sinalan que a automatización vai xerar moito máis traballo do que vai destruír. Desde dentro da industria, o persoal de planta está a comprobar directamente que os procesos que se automatizan adoitan ser os tediosos e rutineiros, que ás veces mesmo son máis agresivos co corpo e a mente, isto é, son os traballos máis inhumanos.

Noutros sectores en que se manexan altas cadencias de produción cun material heteroxéneo xa non pensan en sistemas artesanais de produción: a industria 4.0 xa está asimilada e consolidada. Neles idéanse novas liñas de produción desde a conexión total e a automatización estendida. Esa é a perspectiva de futuro. Conexión total en que se sincroniza e controla a entrada de materia prima ou produto semiprocesado desde o provedor, procésase en modo automático e sincronízase e contrólase a saída da fábrica co cliente final ou co seguinte paso da cadea produtiva. Para a automatización estendida están a deseñarse e desenvolverse continuamente liñas con garras especiais que ofrecen solucións máis eficientes e respectuosas coa materia prima, sistemas de pick & place que permiten levar a cabo procesos repetitivos reducindo os tempos e minimizando os erros, ou procesos colaborativos que permiten o traballo conxunto entre robots e persoas coa máxima seguridade. Nestas novas liñas tamén entra en xogo a mecatrónica, ou sexa, o control automático dos sistemas mecánicos, onde a programación ten un papel destacado. As novas capacidades e avances en instrumentación e mecatrónica elevan estas fábricas 4.0 de vangarda ao nivel máis avanzado. Os principais referentes podémolos atopar en países con man de obra moi cara. Neles, os numerosos postos de traballo son moi cualificados e están enfocados ao control e xestión das máquinas, e apenas hai operarios porque as plantas de produción están moi automatizadas. As persoas controlan as máquinas e as máquinas manufacturan o produto [₃].

Á maior parte das plantas de produción menos sofisticadas, a fábrica 4.0 está a chegar de xeito máis paulatino. Grazas ás novas capacidades que ofrece o desenvolvemento da tecnoloxía, cada vez haberá máis posibilidades para acelerar a automatización e a dixitalización, mesmo se se trata dunha peme cuxos procesos produtivos son maioritariamente de tipo manual. O certo é que a automatización permite habilitar melloras sen precedentes que favorecerán a produtividade dos procesos facendo as empresas máis competitivas.

[1] Matthews, S. Designing Better Machines: The Evolution of the Digital Twin Explained; Keynote Delivered at Hannover Messe: Hanover, Germany, 2018. [Google Scholar]

[2] World Economic Forum. The Future of Jobs Report 2018

[3] Bengt Östling, APR 06, 2017. Robotisation and Mercedes bring a thousand new jobs to Finland.

 

Hugo Barreiro

Industry 4.0 R&D Engineer