A última análise sectorial sobre a implantación das TIC nas empresas españolas publicado polo Ministerio de Economía e Empresa (2017) revela que só o 8,2 por cento das microempresas e un 26,2 por cento das pemes e grandes empresas utilizaron algunha vez o big data e a data analytics. Estas porcentaxes reflicten o alto descoñecemento das vantaxes que poden ofrecer estas tecnoloxías na mellora dos procesos internos.

Normalmente, cando se fala de big data faise referencia ao uso de conxuntos extremadamente grandes de datos complexos (non estruturados) que proveñen de diversas fontes ou, dito doutro xeito, dos seus famosos uves: volume, velocidade, variedade, veracidade etc. Sería un erro quedarmos só con esta definición de big data sen incidir na combinación das tecnoloxías (data lakes, almacenamento NoSQL, análise preditiva, intelixencia artificial, edge computing etc.) que nos permiten tirar información de xeito extremadamente rápido.

Canto á data analytics (análise de datos), pódese definir como o conxunto de procesos automáticos de consulta e agregación de datos mediante os cales os conxuntos de datos se transforman en información de valor. As técnicas de análise de datos permiten revelar tendencias e métricas ou KPI que, doutro modo, se perderían nos silos de información. A análise de datos implica diversos procesos, entre os que se inclúen a extracción de datos e a súa categorización para analizar padróns, relacións e conexións existentes entre eles. Por tanto, a análise de datos permítelles ás empresas melloraren as súas estratexias empresariais baseándose no coñecemento do pasado.

Por todo isto, as solucións de big data e data analytics ofrécenlles ás empresas a posibilidade de xestionaren os seus datos e obteren información de valor para a mellora de todo tipo de procedementos como antes non se podía, sendo os servizos financeiros, a publicidade ou a venda a retallo os sectores que maior proveito están a tirar destas tecnoloxías na actualidade. Por exemplo, empregando big data unha empresa podería adiantarse á demanda dun cliente ou provedor analizando o historial de transaccións e, deste xeito, adaptar os seus procesos, optimizar o stock dispoñible e, en definitiva, ser máis produtiva e áxil á hora de ofrecer os seus servizos.

A implantación de solucións que fagan uso da información como o big data e a análise de datos permítelle obter unha vantaxe competitiva a todo tipo de empresas ofrecendo servizos e produtos axustados ás necesidades dos clientes de xeito personalizado, mediante a creación de estudos de mercado potencial e a previsión de ingresos, e incluso por puntos de venda.

A redución de custos computacionais e de almacenaxe está a facilitarlles a todas as empresas o acceso a estas tecnoloxías que antes só estaban ao alcance das grandes empresas que dispuñan de petabytes e exabytes de información. Esta diferenza inicial foise salvando grazas ao investimento por parte das pemes en ferramentas de business intelligence e de análise de datos adaptadas á súa realidade.

En conclusión, é necesario que as empresas continúen a adaptar a súa capacidade tecnolóxica para empregaren estas tecnoloxías e situárense no mercado con solucións innovadoras grazas á vantaxe competitiva que lles ofrece a análise de datos e o big data.

Aínda que o crecemento anual de uso das tecnoloxías big data e data analytics entre as pemes españolas é lento (por volta do 2 por cento anual), calcúlase que o 25 por cento das empresas vai implantalas para mellorar os seus procesos de aquí ao ano 2025, e dentro do sector TIC esa porcentaxe roldará o 50 por cento.

 

Gonzalo Blázquez Gil, Phd.

R&D Software Engineer.