A Axencia Galega de Innovación (GAIN) e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia asinan un acordo que mellorará as posibilidades das compañías e centros de coñecemento galegos para obter fondos europeos. O convenio impulsará ademais o emprendemento innovador asociado aos seis centros tecnolóxicos galegos, e reforzará a súa imaxe internacional apoiando a súa presenza en foros nacionais e internacionais.

O director dá Axencia Galega de Innovación (GAIN), Manuel Varela, e o presidente da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), Juan Manuel Vieites, asinaron hoxe un acordo que incrementará as posibilidades de Galicia de obter fondos do programa europeo Horizonte 2020. Mediante un investimento conxunto de máis de 400.000 euros, GAIN e ATIGA buscan facer de panca para impulsar a participación nos proxectos europeos das pemes e dos centros tecnolóxicos da Comunidade, mellorando a preparación das solicitudes presentadas a Bruxelas, e impulsando o seu posicionamento, participación, liderado e posibilidades de obter financiamento do citado programa.

Varela subliñou que Galicia ten como obxectivo inicial a captación de 120 millóns do H2020 nos próximos cinco anos, e resaltou as capacidades dos centros de coñecemento e as empresas galegas para facerse un importante oco no programa europeo. Neste senso recordou a evolución que Galicia alcanzou na captación de fondos europeos de innovación, pasando de obter 15 millóns de euros no sexto Programa Marco de I+D+i da UE a superar os 80 millóns no sétimo. E destacou que Galicia foi berce da empresa máis nova de Europa en recibir financiamento do H2020, a coruñesa Torus Software, unha spin off da USC dedicada a solucións de software no ámbito das finanzas ou telecomunicacións.

O acordo, resaltou o director da GAIN, busca ademais fomentar e impulsar actuacións que contribúan á internacionalización do sistema galego de I+D+i e o seu visualización, promocionando a imaxe corporativa e as actividades de ATIGA, así como a súa presenza e participación en foros e redes de coñecemento nacionais e internacionais. “Queremos contribuír á internacionalización da innovación galega, tecendo redes de colaboración internacionais que reforcen aínda máis o noso potencial”, defendeu.

Ademais, o convenio pretende promover o emprendemento asociado á innovación que realizan os centros tecnolóxicos integrados en ATIGA (CTAG, AIMEN, Anfaco-Cecopesca, Gradiant, ITG e EnergyLab), que suman un volume de ingresos de 46,8 millóns de euros e uns activos de 80 millóns.

Esa colaboración entre empresa e os centros tecnolóxicos foi destacada tanto por Varela como por Vieites. Neste sentido, o presidente de ATIGA destacou como “moi acertadas” as medidas “a favor do I+D+i empresarial e o fortalecemento dos Centros Tecnolóxicos” postos en marcha polo Goberno galego nos últimos anos, como os Convenios de Infraestruturas Científicas; as convocatorias de innovación aberta Innterconecta e Conecta Peme; a creación de Unidades Mixtas de Investigación; os Contratos Programa ou o pulo á Industria 4.0, que a través da Axenda da Competitividad Galicia-Industria 4.0, estalle dando un papel protagonista aos centros na reinvención da industria galega.