Durante 2013, AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG e GRADIANT executaron 369 proxectos de I+D, dos cales 62 foron de carácter internacional; e son titulares dun total de 42 patentes, propias ou en colaboración con empresas.

A secretaria xeral de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación e presidenta do Centro para o Desenvolvemento Tecnolóxico Industrial (CDTI), María Luisa Poncela, visitou esta mañá as instalacións dos centros tecnolóxicos integrados na Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), entidade da que forman parte ANFACO-CECOPESCA, o Centro Tecnolóxico AIMEN, CTAG (Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia) e GRADIANT (Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia).

O obxectivo deste encontro foi coñecer de primeira man as capacidades destes centros tecnolóxicos, o labor que realizan para optimizar a transferencia de coñecemento entre o empresariado e industria, así como a súa participación en diferentes programas de I+D+i, tanto nacionais como internacionais.

ATIGA ofrece soporte científico-tecnolóxico a case todos os sectores estratéxicos de Galicia: Mar-industria, Alimentación, Metal-mecánico, Naval, Automoción, Aeronáutico, Transporte, TIC, Audiovisual, Acuicultura, Biotecnoloxía, Sanitario, Turismo, Enerxético, Químico e Educativo. Ten un volume de ingresos agregado de 38 millóns e, en conxunto, os activos que manexan as entidades integradas no consorcio superan os 77 millóns de euros. O seu equipo humano, de carácter multidisciplinar, está composto por 700 traballadores; e conta cunha carteira de clientes de 1.250 empresas de máis de 30 países. En 2013, a Alianza executou 369 proxectos de I+D, dos cales 62 foron de carácter internacional; e son titulares dun total de 42 patentes, propias ou en colaboración con empresas.

Durante as visitas, María Luisa Poncela estivo acompañada polos representantes dos centros adheridos a ATIGA: Juan M. Vieites Baptista de Sousa, secretario xeral de ANFACO-CECOPESCA; Fernando Vázquez e Jesús Lago, presidente e director xeral, respectivamente, do Centro Tecnolóxico AIMEN; Luís Moreno, director xeral de CTAG; e Fernando Pérez e Fernando Jiménez, director xeral e xerente de GRADIANT, respectivamente; entre outras personalidades.