•  ATIGA sitúase a nivel nacional como unha das 3 principais alianzas de centros tecnolóxicos en termos de ingresos
  • A alianza de centros desenvolveu en 2017 400 proxectos, o 21% internacionais

Santiago de Compostela, 17/10/18. Os centros tecnolóxicos asociados en ATIGA, AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, ENERGYLAB, GRADIANT e ITG mostraron en 2017 a súa solidez e capacidade de crecemento, superando nun 38% o volume de ingresos alcanzados en 2016 ata situarse nos 65 millóns de euros o que a sitúa a nivel nacional como unha das tres principais alianzas en termos de ingresos. O presidente de ATIGA sinalou hoxe en Santiago, nunha xornada sobre innovación tecnolóxica, que “todos os indicadores dos centros mostran un comportamento que supera claramente á media de crecemento económico do noso entorno”.

Así destacou que o emprego neto xerado polos centros, moi cualificado e estable, creceu en case un 40% dende 2014. En termos de clientes aos que se prestou servizos, o crecemento medio ha chegado a case o 4% anual nos últimos tres anos. A actividade central dos centros, os proxectos de I+D+i, crecen un 45% no período o que supón unha media anual de crecemento sostido do 13,30%.

O total de proxectos desenvolvidos polos centros alcanza os 400 en 2017, dos que un 21,3% dos mesmos xa son internacionais, esencialmente europeos. Respecto das patentes rexistradas estas crecen case un 15% no período alcanzado as 78 en 2017.

I Encontro sobre Excelencia Tecnolóxica Internacional

Os datos dos centros tecnolóxicos déronse a coñecer nunha xornada que reuniu en Santiago a diferentes expertos en innovación para pór en común as mellores experiencias de excelencia tecnolóxica ao servizo da sociedade. A xornada moderada por Juan Luís Polo, experto en transformación dixital empresarial, contou coa participación Maria Smolander, Senior Research Scientist do centro tecnológico finlandés líder en investigación  aplicada e innovación VTT e coa experiencia en innovación colaborativa de empresas como Viza Automoción, Estaleiros Cardama, Hermasa, Asociación Forestal de Galicia, Telefónica Eleven Paths e SOLE.

O conselleiro de Economía, Emprego e Industria Francisco Conde, responsable de clausurar a xornada destacou a achega dos centros tecnolóxicos galegos á innovación que están a facer de Galicia unha referencia de proxectos pioneiros e disruptivos a nivel internacional como o coche autónomo ou os avances en robótica colaborativa. Conde destacou o poder transformador da revolución tecnolóxica e o papel protagonista do coñecemento liderado polas Universidades e os centros tecnolóxicos como catalizadores da transformación industrial.