ATIGA foi creada en 2012 a iniciativa de AIMEN, ANFACO-CECOPESCA e CTAG. Posteriormente, integráronse GRADIANT en 2013, y ENERGYLAB e ITG, a principios de 2015.

A filosofía de ATIGA é aberta e integradora, polo que se poderán sumar á Alianza todos aqueles centros tecnolóxicos radicados en Galicia que no futuro sexan recoñecidos como Centros Tecnolóxicos de ámbito estatal.

AIMEN Centro Tecnolóxico

AIMEN Centro Tecnolóxico é un referente, nacional e internacional, en I+D+i e prestación de servizos tecnolóxicos no ámbito dos materiais e tecnoloxías de fabricación avanzada, en especial, as tecnoloxías de unión e tecnoloxías láser aplicadas ao procesado de materiais e a robótica.

Presente nos principais sectores de actividade industrial, realiza actividades de investigación propia e colaborativa con empresas en forma de proxectos de I+D+i orientados ao desenvolvemento de novas tecnoloxías, a incorporación de melloras nos seus produtos e/ou procesos, así como o deseño e desenvolvemento de prototipos. A iso úneselle un amplo catálogo de servizos que ofrecen solucións tecnolóxicas avanzadas, diferenciadoras e innovadoras que aportan valor aos produtos e procesos industriais e axudan ás compañías a ser máis competitivas.

O seu Centro de Aplicacións Láser, inaugurado en O Porriño no ano 2014, é actualmente o maior de España na súa categoría e converteuse nun referente a nivel europeo no procesado de materiais con tecnoloxía láser, realizando proxectos de investigación propia e colaborativa con empresas.

ANFACO-CECOPESCA

ANFACO-CECOPESCA é o Centro Tecnolóxico privado de ámbito estatal de referencia para o sector mariño e alimentario, desenvolvendo proxectos de I+D+i de carácter nacional e internacional, innovando en novos produtos e servizos e transferindo solucións tecnolóxicas avanzadas á industria. As súas liñas de I+D+i ofrecen unha cobertura integral ás demandas actuais do tecido empresarial, poñendo á súa disposición os medios técnicos máis avanzados.

ANFACO-CECOPESCA está recoñecido polo MINECO como Centro Tecnolóxico de ámbito estatal e os seus laboratorios están recoñecidos polas Administracións Públicas competentes como laboratorios de referencia para o control da calidade dos produtos do mar e están acreditados por ENAC conforme á norma UNE-NISO\/IEC 17025. Así mesmo, dispón dunha Unidade de Innovación Internacional pioneira en Galicia e un sistema de xestión de I+D+i certificado conforme á norma UNE 166002.

O seu novo Centro de Tecnoloxías Avanzadas de Investigación para a Industria Mariña e Alimentaria, cuxa apertura está prevista para finais de 2015, reforzará a posición de liderado de ANFACO-CECOPESCA no ámbito do I+D+i, intensificando a transferencia de coñecementos e tecnoloxía ao tecido empresarial, o que favorecerá a súa competitividade e internacionalización.

Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG)

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia (CTAG) ofrece solucións tecnolóxicas avanzadas ao sector do automóbil para contribuír á mellora da competitividade das empresas de automoción mediante o impulso da investigación, o desenvolvemento e a innovación tecnolóxica.

O Centro Tecnolóxico de Automoción de Galicia busca adiantarse ás necesidades do mercado coas súas liñas específicas de innovación, que se centran en sistemas avanzados de axuda á condución; sistemas de comunicación e mobilidade; HMI; biopolímeros e plásticos reforzados; nanomateriais e materiais intelixentes; visión artificial e guiado dinámico de robots; confort acústico e vibracións; e metodoloxías de ensaio. Así mesmo, aborda a enxeñería procesos desde unha perspectiva multidisciplinar, conxugando a experiencia práctica na fábrica coa utilización de ferramentas de simulación avanzadas e as novas tecnoloxías da información.

A apertura en 2014 dunhas novas instalacións para a área de Electrónica e Sistemas Intelixentes de Transporte, supuxeron unha clara aposta por continuar investigando e innovando no campo da condución intelixente e situaron a CTAG como centro de referencia a nivel internacional no campo da Electrónica e o Software.

Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT)

O Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia (GRADIANT) foi creado co fin de aliñar a I+D+i universitaria coas demandas empresariais. Nestes anos, converteuse nun axente fundamental na xeración e transferencia de coñecemento en tecnoloxías da información e as telecomunicacións (TIC).

GRADIANT aúna o coñecemento e a produción científica, creativa e investigadora da Universidade coa capacidade para distinguir as necesidades das empresas en materia TIC, polo que, en moitos casos, convértese no departamento de I+D de pequenas e medianas empresas que non poden dispoñer del, ou actúa como soporte para complementar esta área en compañías de maior tamaño.

Os campos nos que se manexa GRADIANT son: Conectividade (redes, Internet das cousas, sistemas de comunicación,…), Intelixencia (sistemas de posicionamento e localización, xestión na nube, análise de datos, bioinformática, …) e Seguridade (sistemas de protección da privacidade, biometría, seguridade en na nube, …).

Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética (ENERGYLAB)

O Centro Tecnolóxico de Eficiencia e Sostenibilidade Enerxética (ENERGYLAB) é unha fundación de carácter privado e sen ánimo de lucro que ten como misión desenvolver e difundir tecnoloxías, produtos e hábitos de consumo que optimicen a eficiencia e a sustentabilidade enerxética, nos sectores industrial, terciario, transporte e na sociedade en xeral.

Trátase dun Centro de referencia nacional e internacional especializado no impulso da eficiencia e a sustentabilidade enerxética con capacidade de orientar, coordinar e liderar proxectos innovadores cun impacto destacado sobre a sociedade, a economía e o medio ambiente.

As súas liñas estratéxicas de investigación están relacionadas coa edificación, a movilidade, a bioenerxía e smart & logic. Ademais, lidera proxectos que comparten a procura da eficiencia e a sustentabilidade, e que se fundamentan no seu coñecemento tecnolóxico e a súa experiencia, tanto en análise enerxético como en desenvolvemento de medidas de aforro.

Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG)

Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) é un Centro Tecnolóxico de carácter privado que ten como obxectivo mellorar a capacidade competitiva das empresas, organizacións e profesionais de distintos sectores estratéxicos, facilitando o seu acceso a actividades de investigación e desenvolvemento tecnolóxico e impulsando os seus procesos de innovación.

Para alcanzar estes obxectivos, dispón de catro áreas de coñecemento relacionadas entre si para optimizar os seus servizos: sensórica e comunicacións, TIC, enerxía e construción sostible.

Certificado no seu sistema de xestión de calidade e de I+D+i, está acreditado por ENAC para a certificación de persoas e recoñecido como Oficina de Transferencia de Resultados de Investigación (OTRI). O seu padroado o constitúen os vicerreitorados de investigación das tres universidades galegas e os colexios oficiais en Galicia de Arquitectos, Enxeñeiros Industriais, de Minas, Navais, Agrónomos e Enxeñeiros de Camiños, Canles e Portos.

Membros de ATIGA