• ATIGA e a Xunta de Galicia presentaron as conclusións do estudo ‘Oportunidades Industria 4.0 en Galicia’, no que participaron máis de 350 empresas
  • ‘Safety & Security’ e ‘Automatización e robótica avanzada e colaborativa’ son as tecnoloxías 4.0 máis implantadas na empresa galega
  • As empresas sinalan o financiamento e a formación como as principais barreiras para a implantación da industria 4.0
  • O Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, presidiu a xornada na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 20 de marzo de 2018.- A Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) e a Xunta de Galicia presentaron na Cidade da Cultura os resultados do estudo ‘Oportunidades Industria 4.0 en Galicia’, impulsado polo o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), ATIGA e os centros tecnolóxicos que integran a alianza: AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, EnergyLab, Gradiant e ITG. A xornada, presidida polo conselleiro de Econonomía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, contou coa participación de máis de 150 representantes do tecido empresarial galego.

O estudo elaborado nos últimos meses tiña o triple obxectivo de coñecer o nivel tecnolóxico actual do tecido empresarial galego, identificar oportunidades de mellora para o sector industrial e adecuar as políticas públicas as necesidades dos distintos sectores produtivos. Máis de 350 empresas participaron na súa elaboración, para a que se contou tamén coa colaboración de clústeres e asociacións empresariais e co asesoramento de expertos sectoriais e tecnolóxicos.

A principal conclusión, tal e como asegura Ana Paul, coordinadora do estudo constata que “as empresas galegas son conscientes da necesidade de apostar pola industria 4.0 e algúns sectores como o aeronáutico, automoción ou o agroalimentario presentan xa un grado importante de implementación”.

No evento, presidido polo Conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, expuxéronse os resultados e celebráronse dúas mesas redondas nas que participaron empresas representativas dos principais sectores industriais galegos. O nivel de implantación das tecnoloxías emerxentes e as estratexias de implantación foron obxecto de debate ao longo da xornada.

Potencial del 4.0 en áreas clave das empresas

As empresas dos sectores estratéxicos analizados consideran que a achega potencial das tecnoloxías 4.0 é relevante tanto na produción como no ámbito das persoas, produtos e servizos ou mellora da calidade.

O elemento xerador de valor asociado á produción destaca coma o value driver no que se detecta maior potencial de mellora.

Implantación das tecnoloxías 4.0

Os datos do estudo reflicten que o tecido empresarial galego atópase nun momento clave no que se refire á implantación da Industria 4.0 xa que moitas empresas empezaron a implantar estas tecnoloxías en áreas concretas do proceso produtivo, pero non o teñen totalmente implantado no seu modelo de negocio.

As principais motivacións que levan ás compañías a implantar este tipo de tecnoloxías son a mellora da produtividade e o uso máis eficiente dos recursos, mediante a optimización dos sistemas produtivos e os sistemas de xestión.

Os sectores da Automoción, Agroalimentario e Bio e Aeronáutico son os que rexistran un nivel máis elevado de implantación das tecnoloxías 4.0 no tecido empresarial galego.

Neste sentido, os tres coinciden na súa estratexia de investimentos enfocados cara á transformación dixital. De feito a tecnoloxía Big Data resulta a tecnoloxía con maior previsión de implantación nestes 3 sectores cun 68%, o 58% e o 56% das empresas consultadas, respectivamente, que prevén implantar a tecnoloxía ‘Big Data’.

Principais barreiras e apoios demandados

As empresas que participaron no estudo foron tamén consultadas sobre as principais barreiras que atopan de cará á implantación do modelo industrial 4.0 e case dous terzos da mostra, un 63,5%, recoñeceron que o financiamento é o principal obstáculo. A incerteza sobre o retorno do investimento (36,8%) é tamén motivo de preocupación, de aí que un 75% das empresas demanden á Administración axudas para investimentos en infraestruturas e solucións TIC.

Non son estas as únicas preocupacións do tecido empresarial no referente ao desenvolvemento da industria 4.0, xa que o descoñecemento das tecnoloxías (36,2%) aparece tamén entre as principais barreiras percibidas para a implantación das novas tecnoloxías. Por este motivo, un 44,3% demandan formación cualificada en TIC e Industria 4.0 e un 29% requiren máis servizos de diagnóstico e consultoría nesta materia.