O conselleiro de Economía e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde; o director da Axencia Galega de Innovación, Manuel Varela; e o presidente da Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), Juan M. Vieites; presentaron en Vigo un acordo de colaboración para fortalecer os centros tecnolóxicos galegos como principais axentes dinamizadores do I+D+i empresarial.

Con este convenio, se formaliza o compromiso da Consellería de Economía e Industria e ATIGA para incrementar a participación conxunta dos centros tecnolóxicos en grandes proxectos consorciados de I+D+i e facilitar a captación de fondos destinados a iniciativas multisectoriais de alto impacto, atendendo de modo especial ao programa europeo Horizonte 2020.
ATIGA está formada polos seis centros tecnolóxicos de ámbito estatal de Galicia recoñecidos como tales polo Ministerio de Economía e Competitividade: AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, GRADIANT, ENERGYLAB e ITG.

A Alianza, que conseguiu captar un total de 76 millóns no anterior Programa Marco da Unión Europea, colabora na actualidade con 1.600 empresas, aproximadamente; emprega a 814 persoas e ofrece soporte científico a sectores estratéxicos da economía galega; consolidouse como unha referencia tecnolóxica do tecido produtivo galego, especialmente das pemes, e promove o impulso da internacionalización empresarial.

Segundo sinalou o conselleiro, “os centros de coñecemento integrados en ATIGA desempeñan un importantísimo traballo conxunto co tecido produtivo, cunha escoita permanente das súas necesidades e cunha actitude proactiva de xeración de coñecemento”. Así mesmo, destacou o labor de ATIGA no fortalecemento do papel que xogan os centros tecnolóxicos como principais axentes dinamizadores da innovación, multiplicando as súas potencialidades para, a través do I+D+i, fixar tecido industrial en Galicia e que as empresas poidan crear emprego de calidade.

Francisco Conde tamén puxo en valor aos centros tecnolóxicos como un dos axentes craves no desenvolvemento da Axenda da Competitividade de Galicia, que persegue a consolidación da chamada Industria 4.0, xa que conta coa capacidade suficiente para ofrecer soporte científico-tecnolóxico á maioría dos sectores estratéxicos da economía galega, polo que están chamados a xogar un papel crave para a modernización da industria galega a través da innovación.

Ademais, sinalou o labor que están realizando na creación de unidades mixtas de investigación, xunto con empresas de referencia en Galicia. Os obxectivos destas iniciativas son desenvolver proxectos de alto impacto e intensivos en coñecemento, aproximar os organismos de investigación á empresa, poñer en valor os grupos de investigación, incentivar a transferencia de resultados da innovación ao mercado e atraer a Galicia liñas de I+D+i.