- O Círculo de Empresarios de Galicia acolle o encontro empresarial “Oportunidades da Industria 4.0 en Galicia: claves galegas e perspectiva internacional”
- O 73% das empresas que invirten en tecnoloxías 4.0 fanno co obxectivo de incrementar a eficiencia dos seus sistemas produtivos
- Gregorio Ameyugo: “a Industria 4.0 permitirá mellorar a productividade e a flexibilidade das empresas galegas”
Vigo, 27 de setembro de 2017.- A sede do Círculo de Empresarios de Galicia en Vigo acolleu a xornada “Oportunidades da Industria 4.0 en Galicia: claves galegas e perspectiva internacional, organizada polo IGAPE, a Asociación para o progreso da Dirección (APD) o Círculo de Empresarios e a Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA). Máis de 100 empresas participaron no encontro, no que se fixeron públicos os primeiros resultados do estudo “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia”.
No estudo, impulsado conxuntamente polo IGAPE, ATIGA e os seis centros tecnolóxicos integrados na Alianza (AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, EnergyLab, Gradiant e o Instituto Tecnolóxico de Galicia), analízase o nivel de implantación da Industria 4.0 nos principais sectores produtivos da economía galega e os seus resultados permitirán identificar oportunidades para as empresas, así como as mellores prácticas implantadas a nivel internacional.
A Directora de Innovación Tecnolóxica do CTAG, Ana Paul, é tamén a coordinadora do estudo e foi a encargada de presentar os avances do traballo que están a realizar os centros tecnolóxicos integrados en ATIGA. Ata a data, 273 empresas foron entrevistadas, un 80% da mostra que se analizará no estudo. Nalgúns sectores, como o téxtil, a madeira ou as TIC, o traballo de campo xa concluíu e estanse realizando tamén entrevistas con clústeres, asociacións empresariais e expertos externos.
Primeiras conclusiones
Os primeiros resultados permiten extraer algunhas conclusións sobre a implantación das tecnoloxías 4.0 en Galicia. Entre outras, cabe destacar que o 73% das empresas que apostaron pola innovación fixérono co obxectivo de incrementar a eficiencia dos seus sistemas produtivos e un 49 % buscaban unha maior eficiencia na xestión. Uns obxectivos que se antepoñen á procura de beneficios directos, que supoñen unha motivación para o investimento no 48% dos casos.
Sobre as barreiras que as empresas se atopan á hora de implantar novas tecnoloxías, un 53% dos enquisados recoñecen que o financiamento é o principal obstáculo, seguido polo descoñecemento das tecnoloxías 4.0 (36%) e a incerteza sobre o retorno do investimento (31%). Por este motivo, o 60% os emprendedores galegos cren que a Administración debería reforzar as axudas á innovación, mentres que un terzo da entrevistados aposta pola formación cualificada en TIC e Industria 4.0.
Mellores prácticas internacionais
Un dos obxectivos estratéxicos do estudo “Oportunidades Industria 4.0 en Galicia” pasa por identificar as mellores prácticas a nivel internacional e a xornada celebrada no Círculo de Empresarios de Galicia contou neste sentido coa achega de Gregorio Ameyugo, director adxunto do centro tecnolóxico francés CEA LIST. Convidado por ATIGA en calidade de experto, explicou os programas de innovación que o país veciño ha posto en marcha e recomendou aos empresarios galegos que exploren todas as posibilidades que ofrece a Industria 4.0, xa que “permite mellorar a produtividade e a flexibilidade das empresas”.
En clave galega, o encontro empresarial contou tamén coa participación do director do IGAPE. Juan Cividanes, que explicou as liñas de traballo definidas na Estratexia Industria 4.0 de Galicia 2017-2020. Por outra banda, no marco da xornada celebráronse dúas mesas redondas nas que se trazaron as claves para establecer unha folla de ruta cara á plena implantación da Industria 4.0 en Galicia.
ATIGA, Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia
ATIGA é a Alianza Tecnolóxica Intersectorial dos Centros Tecnolóxicos galegos de ámbito estatal. Está formada por AIMEN, ANFACO-CECOPESCA, CTAG, GRADIANT, ENERGYLAB e ITG. A través de ATIGA, os seis Centros aúnan esforzos para alcanzar unha maior cooperación tecnolóxica que lles permita contar con niveis superiores de competitividade no mercado e alcanzar, entre outros obxectivos, a excelencia tecnolóxica e a participación conxunta en grandes proxectos consorciados, así como en plataformas e foros tecnolóxicos. A Alianza traballa coa vocación de favorecer novas oportunidades de actuación no ámbito internacional e mantén o compromiso coa creación e a consolidación en Galicia de emprego cualificado, estable, de calidade e con futuro.
ATIGA ten un volume de ingresos agregado de máis de 52 millóns de euros e conta cun equipo humano composto por máis de 900 traballadores altamente cualificados: doutores, enxeñeiros e tecnólogos. A súa carteira de clientes suma 1.699 empresas, ás que presta servizos tecnolóxicos e de I+D+i en 27 países diferentes. Durante 2016, os membros da Alianza executaron 321 proxectos de I+D+i e son, ademais, titulares dun total de 75 patentes, propias ou en colaboración con empresas.