O conselleiro de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia, Francisco Conde, inaugurou esta mañá, no Centro de Negocios do Consorcio da Zona Franca de Vigo en Porto do Molle (Nigrán), a xornada “Nanotecnoloxía e Oportunidades”, organizada pola Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA), en colaboración coa Axencia Galega de Innovación (GAIN) e o Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL). O obxectivo deste evento, no que participaron máis de medio centenar de empresarios e investigadores, foi achegar o mundo das nanotecnoloxías á sociedade, á Administración e á empresa.

Durante a súa intervención, Francisco Conde puxo en valor as múltiples oportunidades que a nanotecnoloxía ofrece para fomentar o desenvolvemento dos sectores produtivos de Galicia e destacou a necesidade de traballar para que o coñecemento que están a xerar os centros tecnolóxicos ao redor deste ámbito poida ser transferido e repercutir positivamente no mercado. Así mesmo, incidiu en que o apoio a estas iniciativas permitirá activar a creación de emprego e favorecer o crecemento e a consolidación do tecido socioeconómico galego.

Pola súa banda, Juan Manuel Vieites, presidente de ATIGA, agradeceu o apoio da Xunta de Galicia para fortalecer o sistema de innovación de Galicia e animou a empresas e centros tecnolóxicos e de investigación para que poñan en marcha novas iniciativas que permitan que a nanotecnoloxía galega siga gañando posicións no contexto internacional.

Na xornada déronse a coñecer dous proxectos vinculados á nanotecnoloxía que están a desenvolver o Instituto Tecnolóxico de Galicia (ITG) e ANFACO-CECOPESCA, ambos moi próximos á comercialización. O primeiro deles, WATERNANOENV, impulsado por ITG, ten como obxectivo aplicar os últimos avances nanotecnológicos ao control ambiental do ciclo integral da auga, para resolver importantes retos na detección temperá de contaminantes mediante o desenvolvemento de nanosensores capaces de reaccionar en presenza de cianotoxinas nos encoros. Os seus resultados permitirán unha rápida resposta ante emerxencias e situacións de risco por contaminación; mellorar a prevención e a xestión integral para reducir custos na recuperación ambiental; protexer a diversidade e o patrimonio natural; e mellorar a saúde ambiental e humana.

ANFACO-CECOPESCA presentou unha iniciativa coa que busca a valorización do potencial que achegan as sustancias bioactivas de orixe mariña. Mediante o apoio da nanotecnoloxía, preténdense mellorar os procesos para poder concentrar en pequenas cantidades os beneficios destas sustancias, preservar ao máximo as súas funcionalidades, mellorar a súa biodisponibilidad e desenvolver novos alimentos funcionais e saudables adaptados a necesidades nutricionais específicas, como as asociadas o segmento da terceira idade.

A sesión finalizou cunha mesa redonda, na que participaron representantes dos centros tecnolóxicos ATIGA, do Laboratorio Ibérico Internacional de Nanotecnoloxía (INL) e do Centro de Desenvolvemento Tecnolóxico e Industrial (CDTI), na que se analizaron as últimas tendencias en nanotecnoloxía e as súas aplicacións nos principais sectores industriais de Galicia.