Autores:

Eduardo Rodríguez Fernández-Arroyo
Responsable da Área de Industria e Edificación Sustentable EnergyLab

Dr. Pedro Villanueva Rey
Técnico investigador da Área de Industria e Edificación Sustentable EnergyLab

O desenvolvemento dunha economía baseada en modelos de negocio circulares implica a transición desde a denominada economía linear, en que os fluxos de materiais seguen unha secuencia linear —extracción, produción, consumo e descarte—, a sistemas de produción en que se reduce o consumo de materias primas, a xeración de residuos, as emisións e, ao mesmo tempo, se incrementa o uso de materiais reciclados e fontes de enerxía renovables (Reichel et al., 2016). Deste xeito, a economía circular (EC) é aquela que é restitutiva e que ten como obxectivo manter a utilidade dos produtos, compoñentes e materiais conservando o seu valor dentro da cadea de abastecemento (The Ellen MacArthur Foundation, 2015).

No entanto, a EC non debe quedar reducida a unha mera actitude ambientalista por parte da sociedade e da industria en particular, senón que debe ser vista como un novo enfoque económico, onde o crecemento económico non pode estar ligado ás presións sobre o medio ambiente, senón que debe manter a resiliencia dos ecosistemas e prever o impacto sobre o noso benestar.

Esta transición require grandes mudanzas en diferentes áreas dos sistemas socioeconómicos actuais. Non obstante, existe unha serie de factores, denominados facilitadores, que permiten e guían este proceso de cambio (Reichel et al., 2016):

  • Ecodeseño: xestión do ciclo de vida do produto e extensión da vida útil.
  • Reparación e reutilización: darlles prioridade á reutilización e remanufacturación de produtos.
  • Reciclaxe: incremento de índices de reciclaxe, reciclaxe de alta calidade, uso en catarata de materiais e fomento do mercado de materia prima secundaria.
  • Financiamento e incentivos económicos: cambios en taxas e criterio impositivo segundo criterios ambientais e de contaminación.
  • Modelos de negocio: economía colaborativa, simbiose industrial e produto como servizo.
  • Gobernanza e coñecemento: cambios en padróns de consumo e campañas de concienciación cidadá.

Porén, o principal impulsor deste cambio cara á EC é a volatilidade do prezo das materias primas e a escaseza de recursos.

Na actualidade estamos a vivir unha cuarta revolución industrial, tamén coñecida como industria 4.0 (I4.0), que vén impulsada principalmente pola dixitalización e a xeración de datos. Mais neste caso, e a diferenza das anteriores, non vén acompañada dun incremento das emisións ou da xeración de residuos. De feito, a I4.0 ten un elevado potencial para eliminar os residuos e apoiar de xeito activo o desenvolvemento de modelos de negocio baseados na economía circular (Van den Beukel, J. W., 2017). Por tanto, pódese afirmar que existe unha clara conexión entre a EC e a I4.0. Esta non é outra que a influencia que teñen as tecnoloxías de dixitalización no cambio dos actuais modelos de negocio (Rosa et al., 2020) (Figura 1).

Diagrama conceptual de la integración de la Economía Circular y la Industria 4.0

Figura 1. Diagrama conceptual da integración da economía circular e a industria 4.0. Adaptado de: Rosa et al., 2020.

Neste contexto, as novas tecnoloxías que están baixo o paraugas da I4.0 contribúen como claros facilitadores da EC. A seguir detállanse algúns exemplos:

  • Internet das cousas (IoT, sigla en inglés) e análise masiva de datos: a tecnoloxía IoT permite a interconexión dixital e a cooperación entre as persoas, os dispositivos, os obxectos ou as cousas a través de redes sen fíos, sensores, actuadores etcétera permitindo a xeración dunha gran cantidade de información que debe ser xestionada e almacenada. Os potenciais usos van desde a mellora na xestión dos residuos sólidos urbanos —e, por tanto, o desenvolvemento de smart cities—, á mellora dos fluxos materiais implementando ambientes industriais intelixentes que permiten a redución do consumo de materias primas e a redución de residuos: mellora da cadea de abastecemento, procesos de remanufacturación e desenvolvemento de redes de colaboración a través da simbiose industrial.
  • Fabricación aditiva: os novos procesos de fabricación aditiva, ou impresión 3D, conseguiron non só un cambio nos métodos de elaboración de produtos e compoñentes, senón tamén o uso de novos materiais —reciclados— ou biomateriais como materia prima. Ademais, estes sistemas lograron reducir de xeito considerable tanto o consumo enerxético como a xeración de residuos en comparación con sistemas produtivos tradicionais. Así mesmo, presentan un elevado potencial no apoio á xestión de ciclo de vida e ao ecodeseño de produtos mellorando a capacidade de fabricación de pezas ou compoñentes de diferentes xeometrías (desde simples a complexas), o que permite a reparación e a remanufacturación.
  • Simulación: os procesos de simulación e, de maneira máis concreta, a unión do mundo físico e virtual, coñecida como xemelgo dixital (DT nas súas siglas en inglés), permiten realizar unha análise exhaustiva da información para controlar os sistemas de xeito rigoroso e evitar problemas anticipándose a erros e mellorando a toma de decisións. Así, a simulación pode servir para o desenvolvemento de procesos de remanufacturación, a mellora da eficiencia na explotación dos recursos naturais e o desenvolvemento de procesos de ciclo cerrado dentro da cadea de abastecemento.

Finalmente, a dixitalización da industria debe verse como un claro facilitador cara á EC, do mesmo xeito que non se pode entender o desenvolvemento da I4.0 sen un avance cara ao desenvolvemento de modelos de negocio circulares. Por tanto, ambos os conceptos deben atopar as conexións específicas para alcanzarmos un obxectivo común: a sustentabilidade.