Máis de medio centenar de empresarios e investigadores galegos asistiron esta mañá en Vigo ao taller de presentación da terceira edición do Programa Conecta Peme, organizada pola Axencia Galega de Innovación (GAIN), en colaboración coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA).

Esta xornada tivo por obxectivo presentar ás empresas galegas as principais novidades que incluirá a convocatoria de innovación máis importante posta en marcha pola Xunta de Galicia, que incrementou o seu orzamento un 80% con respecto á primeira edición, converténdose no maior importe destinado a unha convocatoria deste tipo nos últimos anos.

Durante a sesión, analizáronse en detalle os requisitos de participación na terceira convocatoria do Programa Conecta Peme, dotada con 25 millóns de euros e que mobilizará un total 40 millóns de euros en 50 proxectos liderados por ao redor de 200 pequenas e medianas empresas da Comunidade que desexan apostar pola innovación como elemento estratéxico para o seu desenvolvemento.

Tal e como explicaron os responsables do Área de Servizos da Axencia Galega de Innovación (GAIN), este programa persegue mellorar a cooperación entre as pemes e fomentar a súa interactuación cos outros axentes do sistema de innovación galego, como centros tecnolóxicos, universidades, sistema sanitario, etc. Todo iso, co firme propósito de crear valor económico para Galicia, facilitando o desenvolvemento de proxectos innovadores aliñados cos retos definidos na estratexia RIS3 e reforzando a competitividade internacional, a través da innovación.

A convocatoria, que se publicará no DOG nos próximos días, é a máis potente, flexible e estratéxica das realizadas ata o momento e inclúe importantes melloras con respecto ás anteriores. A primeira delas é a redución do orzamento por proxecto (entre 0,5 e 1,5 millóns de euros) para adaptarse mellor á realidade das empresas galegas e para diferenciarse doutras convocatorias como os Innterconecta. A segunda é a ampliación do número de categorías de proxecto financiable, mantendo Investigación Industrial e Desenvolvemento Experimental, pero engadindo unha nova no área de Innovación en Organización e Procesos, na liña da aposta decidida da Xunta de Galicia por impulsar a industria 4.0 e a Axenda de Competitividade Industrial.

Outras melloras realizadas sobre a caracterización da convocatoria inclúen o tamaño dos consorcios, que nesta convocatoria terán de 2 a 6 empresas (con polo menos 2 independentes, participando sempre unha pequena empresa); que os proxectos cubran temáticas aliñadas cos retos definidos na estratexia RIS3; a posibilidade de que unha gran empresa participe asumindo ata un 25%; ou a posibilidade, valorada pero non obrigatoria, de subcontratar a un organismo de investigación.

Desde GAIN destacouse tamén a flexibilidade desta nova edición, que elimina a limitación para a asignación de persoal ao proxecto ou a redistribución do orzamento previsto ao comezo da solicitude, para evitar así as renuncias.

Para rematar, co obxectivo de fomentar ao máximo a participación das pemes en Conecta Peme, durante o encontro, técnicos especializados do Área de Servizos da GAIN mantiveron reunións individuais cunha trintena de empresas e centros tecnolóxicos nas que ofreceron asesoramento personalizado para resolver dúbidas con respecto ás súas solicitudes e facilitarlles as claves a ter en conta á hora de presentar os proxectos.