A Axencia Galega de Innovación (GAIN), en colaboración coa Alianza Tecnolóxica Intersectorial de Galicia (ATIGA) celebrou no Centro de Aplicacións Láser de AIMEN un novo taller de traballo para presentar ás empresas as principais novidades que incluirá a terceira edición Programa Conecta Peme, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria da Xunta de Galicia.

Durante a sesión de traballo déronse a coñecer os detalles da convocatoria de innovación máis importante posta en marcha pola Xunta de Galicia nos últimos anos, co firme propósito de crear valor económico para Galicia, facilitando o desenvolvemento de proxectos innovadores aliñados cos retos definidos na estratexia RIS3 e reforzando a competitividade internacional, a través da innovación.

A terceira convocatoria do Programa Conecta Peme, que incrementou o seu orzamento un 80% con respecto á primeira edición, mobilizará un total 40 millóns de euros en 50 proxectos liderados por ao redor de 200 pequenas e medianas empresas da Comunidade que desexen apostar pola innovación como elemento estratéxico para o seu desenvolvemento.