A loxística avanzada ou loxística 4.0 consiste na optimización de toda a cadea de abastecemento a través da interconectividade física, dixital e operacional. O termo loxística 4.0 apareceu por primeira vez no ano 2011 como elemento de apoio ao amplo concepto de industria 4.0, e hoxe en día tamén se empregan outros termos semellantes como cadea de abastecemento 4.0, márketing 4.0, distribución 4.0, xestión de inventario 4.0 etcétera, o que representa a resposta do campo loxístico ao desenvolvemento e requirimentos da industria 4.0.

A loxística 4.0 debe darlles soporte aos procesos da industria 4.0, desde o procesamento dos requisitos do mercado e a planificación da produción ata a entrega dos produtos aos usuarios finais. A solución a todos estes retos pasa pola dixitalización das actividades e procesos loxísticos, cuxas principais características son, segundo Kayikci (2018), as seguintes:

  • Cooperación. Creación de asociacións loxísticas virtuais (clústers) a través das cales as empresas intercambian datos e información.
  • Integración horizontal e vertical nas cadeas de abastecemento e a visibilidade da información en todos os elos desas cadeas.
  • Flexibilidade do sistema de recursos dixitais conectados, podendo así responder de xeito áxil ante os cambios na configuración do mercado (solicitudes, usuarios, provedores etcétera).
  • Integración. Integración de sistemas loxísticos que conectan diferentes sistemas informáticos e aplicacións de software, física ou funcionalmente, co fin de proporcionar coordinación de fluxos loxísticos.
  • Autonomía. Obxectos intelixentes capaces de se comunicaren e tomaren decisións baseadas no procesamento de datos propios e de características ambientais.
  • Cognición. Dispositivos e sistemas para a automatización de tarefas que requiren de habilidades humanas, coñecemento, percepción e habilidades cognitivas (planificación, razoamento e aprendizaxe).

A loxística 4.0 tamén se define como loxística intelixente porque os seus compoñentes permiten unha xestión intelixente dos procesos. Segundo Wang (2016), tales compoñentes son: identificación automática, localización en tempo real, recompilación automática de datos, conectividade e integración, procesamento e análise de datos e servizos comerciais. Existen numerosas tecnoloxías que implementan os compoñentes de estado, e as que máis destacan son as que se amosan na seguinte figura.

Compoñentes e tecnoloxías da Loxística 4.0 [1]

Así, a loxística avanzada ou loxística 4.0 busca a integración de toda a cadea de abastecemento coa interconexión de sistemas e a coordinación máxima entre os distintos procesos loxísticos. Para tal fin, a loxística avanzada emprega novas tecnoloxías clave tales como a realidade aumentada, os wearables, os dispositivos móbiles e sistemas GPS, os vehículos autónomos, os sistemas de etiquetaxe mediante RFID etcétera. Todos eles optimizan os procesos de xestión de rutas e envíos, reducen os stocks e o espazo de almacenamento, melloran o proceso de control da mercadoría (mediante o emprego de sistemas de xeolocalización e rastrexabilidade), automatizan procesos de pagamento etcétera.

Dúas das tecnoloxías emerxentes que están a transformar a loxística e que van ser fundamentais no avance cara á fábrica do futuro son os AGV (automated guided vehicles) e os UAV (unmanned aerial vehicles). A seguir defínense brevemente cada unha delas:

  • AGV: Os vehículos guiados automaticamente (AGV) son un sistema de transporte de mercadorías ou materiais na industria que se moven de xeito autónomo. Dispoñen dunha serie de baterías que os alimentan e lles permiten traballar durante horas. Estes sistemas empréganse para aumentar a eficiencia, diminuír os danos nos bens e reducir os gastos xerais.

Plataforma EasyBot de ASTI Mobile Robotics [2]

  • UAV: Os vehículos aéreos non tripulados (UAV) son aqueles que voan sen piloto a bordo. Constitúen o elemento principal dos UAS (sistemas aéreos non tripulados), que engloban a aeronave, a estación en terra e o enlace de comunicacións. As devanditas aeronaves poden ser completamente autónomas, programadas para realizaren un padrón de voo e seguiren directrices predefinidas, ou ben poden ser comandadas por un piloto de xeito remoto mediante un enlace de datos. Estas últimas son as que denominamos RPA (remotely piloted aircraft, ou aeronave pilotada por control remoto) ou RPAS (remotely piloted aircraft systems, sistemas de aeronaves pilotadas por control remoto).

Dron P4 Multispectral de DJI [3]

Bibliografía:

Referencias bibliográficas: