Coa chegada da industria 4.0, a fabricación moderna mudou de enfoque, de xeito que os espazos de traballo avanzados en que se dá máis colaboración home-máquina están a substituír as estacións convencionais, situando así os seres humanos no centro de atención.

Un dos elementos fundamentais da industria 4.0 é o operario, e sobre esa base definiuse o concepto de operario 4.0 (Romero, Bernus et al., 2016), que se refire aos operarios intelixentes e cualificados do futuro, que son asistidos por sistemas automatizados que proporcionan un alivio sustentable do estrés físico e mental e lles permiten ás persoas utilizaren e desenvolveren as súas habilidades creativas, innovadoras e improvisadoras. A seguir sinálanse as diferentes dimensións identificadas:

  • Operario virtual e aumentado. Os traballadores deben realizar unha capacitación regular para adquiriren e actualizaren as habilidades que requiren os novos procedementos. O emprego de tecnoloxías de realidade mixta (realidade virtual e realidade aumentada) permiten a adaptabilidade da capacitación e a orientación a circunstancias cambiantes.
  • Operario social e colaborativo. Os traballadores posúen moitos coñecementos tácitos relativos ás boas prácticas laborais e á resolución de problemas. Facer que este coñecemento sexa visible e accesible con ferramentas baseadas en redes sociais complementará a guía proporcionada pola documentación oficial. Conectar o coñecemento co contexto do medio de fabricación facilitará aínda máis o intercambio e o acceso á información sobre boas prácticas, avisos e observacións.
  • Operario superforte. Alén das tecnoloxías anteriores, que permiten mellorar o lugar de traballo e apoiar mentalmente os operarios durante a execución das tarefas cotiás, outro aspecto que convén ter en conta é o soporte físico. Naquelas tarefas que aínda non se poden automatizar mediante a incorporación de robots colaborativos, o emprego de dispositivos de asistencia física ao operario, como os exoesqueletos, permiten aliviar a carga músculo-esquelética.
  • Operario de tipo one of a kind. As solucións de interacción adaptativa melloran o fluxo de traballo e axudan o traballador a comprender e desenvolver as súas competencias. Un sistema de fabricación adaptable debería fornecer os operarios de asistencia personalizada e contextual para manteren a execución da tarefa en cuestión dun xeito eficiente e efectivo.
  • Operario san e feliz. Nas fábricas futuras, os operarios están facultados para asumiren a responsabilidade do seu traballo, benestar e desenvolvemento de competencias. Varios estudos sosteñen a afirmación de que a satisfacción do traballador inflúe positivamente na produtividade. O emprego de wearables, tales como pulseiras ou outros sistemas, pode facilitar a monitorización de certos parámetros do operario.

Topoloxía do operario 4.0 [1]

O emprego de novos habilitadores técnicos centrados nas tecnoloxías HMI (human-machine interaction) como a realidade aumentada e virtual, a robótica e os dispositivos portátiles, ou o emprego de dispositivos de asistencia física tales como exoesqueletos, ofrecen prometedoras posibilidades para materializar os conceptos mencionados. A seguir defínense brevemente cada unha destas tecnoloxías:

  • Realidade aumentada. Na bibliografía pódense atopar distintas definicións de realidade aumentada. A máis aceptada é a de Azuma, que a define como un sistema que combina o mundo real e virtual mediante o emprego de pantallas específicas para que o usuario vexa de maneira combinada a información de ambos os medios. É interactiva, en tempo real e amosa a información en 3D.

 

Emprego de aplicación de realidade aumentada nas factorías de VW [2]

 

  • Realidade virtual. É unha recreación ou simulación artificial xerada por ordenador dun espazo ou situación concreta real. Mentres que a realidade virtual ofrece unha recreación dixital dun espazo real, a realidade aumentada ofrece elementos virtuais superpostos ao mundo real.

 

Emprego de aplicación de realidade aumentada e virtual nos procesos produtivos de BMW [3]

 

  • Exoesqueletos. Existen varias definicións de exoesqueleto na bibliografía. A máis salientable é a de Looze et al., que os definen como unha estrutura mecánica externa que se pode empregar para mellorar as capacidades físicas das persoas, e que se clasifica inicialmente como activo ou pasivo. Un exoesqueleto activo comprende un ou máis actuadores eléctricos, hidráulicos ou pneumáticos que aumentan a potencia do ser humano e axudan as súas articulacións, mentres que un exoesqueleto pasivo pode almacenar enerxía cando unha persoa se inclina para diante.

 

Estudo sobre exoesqueletos na planta de Groupe PSA en Vigo [4]

 

Bibliografía:

 

Referencias bibliográficas: