Diego Méndez

By-products valorization and Circular economy

 

A excesiva proliferación de algas en determinadas épocas do ano, cuxa acumulación final se circunscribe a certas zonas, depende de factores ambientais e climáticos que poden ser resultado de causas naturais ou ben ser provocados pola actividade humana (eutrofización das augas, por exemplo). Non se trata dun fenómeno controlable, mais é preciso paliar o seu efecto sobre certas actividades cun importante valor socioeconómico, como é o cultivo de moluscos bivalvos (ameixa, berberecho e navalla).

Acumulación de algas de arribazón nunha zona intermareal

A xestión do residuo constituído pola retirada da alga do seu medio —fundamentalmente alga verde do xénero Ulva— supón un problema adicional na actividade marisqueira que, malia estar considerado dentro do mantemento dos parques e instalacións de cultivo, engade un custo económico, ben para as agrupacións de mariscadores (confrarías), ben para as entidades públicas que se encargan da súa xestión. Ademais, naqueles casos en que non se realiza unha xestión axeitada, o custo económico transfórmase nun custo ambiental.

 

O procesamento destes residuos mediante unha tecnoloxía que se poida aplicar nun punto próximo ao lugar de extracción da alga facilitará a súa xestión, e non só no tocante a cuestións loxísticas, senón tamén no aspecto económico ao poder conservalo nun estado tal que incremente a súa aplicabilidade, de forma que o custo inherente á súa xestión actual podería chegar a transformarse mesmo nun beneficio derivado da súa comercialización. Así mesmo, habería que considerar o efecto social derivado de poder darlle un maior valor engadido a un substrato mariño, cousa que, en rexións xeográficas tan vinculadas ao mar e aos seus recursos, se valora moito.

 

Desde hai varias décadas vén desenvolvéndose amplamente a extracción e obtención de compostos de interese a partir de macroalgas, xa que estas ofrecen diversas aplicacións interesantes desde un punto de vista comercial. Unha das principais postas en valor que se conseguiu coas macroalgas mariñas é a extracción e o emprego de diversos compoñentes de algas como aditivos tecnolóxicos para usos alimentarios ou cosméticos. Así, os alxinatos ou as carraxeninas, que se obteñen a partir de algas pardas e vermellas respectivamente, están moi presentes neste tipo de mercados. Porén, no mercado non existe presenza de compoñentes análogos a partir de macroalgas verdes.

 

Por tal motivo, desde ANFACO estamos a promover a realización de proxectos de I+D+i que permitan localizar e cuantificar os problemas asociados ás algas de arribazón, ao tempo que se buscan alternativas de procesos tecnolóxicos para o seu aproveitamento. Neste sentido, está a desenvolverse o proxecto ALEHOOP, aprobado na convocatoria H2020-BBI-JTI-2019, que persegue o desenvolvemento de novas fontes proteicas a partir de materiais infrautilizados, entre os cales estarían as algas de arribazón.

 

O proxecto pretende contribuír con coñecemento e ferramentas para que estas algas se poidan explotar como un recurso por parte daquelas entidades que poidan ver nisto unha vía de negocio. Isto, alén de mellorar a eficiencia no uso dos recursos mariños, serviría para estimular unha mellor xestión ca a que se leva a cabo actualmente, adecuándose á lexislación e impulsando mellores técnicas nos traballos de retirada das algas do medio mariño para conseguir máis eficiencia e unha mellora do estado en que as algas son extraídas do medio.

 

Por outra banda, a creación dunha liña de negocio asociada a estas algas impulsaría protocolos de operación por parte de todos os axentes implicados, o que redundaría na eficiencia no uso dos recursos e no coidado do resto de organismos que habitan o ecosistema. Exemplos disto poderían ser a implementación de sistemas de recollida desde o mar menos danosos para outros organismos mariños vivos ca a recollida en terra, ou a aplicación de modelos que permitan prever a proliferación das algas para facilitar así a loxística necesaria para a súa retirada antes de se depositaren nos bancos marisqueiros.

Tes máis información sobre o proxecto ALEHOP aquí: http://bit.ly/blogcytma_alehoop